Google+ #Melidefest: Imos de tapas por Melide?

viernes, 15 de noviembre de 2013

Imos de tapas por Melide?



Se vos acercades ó #Melidefest, o sábado 23 de novembro tamén ides poder aproveitar para asistir ó IV Outono de Tapas de Melide. E probar as mellores receitas, a base de setas e castañas (nos locales da lista que aparece máis abaixo).

Na web de ASETEM cóntanos en que vai consistir esta ruta de tapas:



Melide, 12 de novembro de 2013. Non hai época do ano coma o outono na que mellor preste un lugar ao abrigo, un prato de comida e unha boa compañía. Unha combinación perfecta que Asetem-Cca pon de novo ao alcance de veciños da comarca e visitantes na cuarta edición do Outono de Tapas, unha ruta polos bares e restaurantes de Melide na que se poderán degustar preto dunha vintena de propostas gastronómicas diferentes elaboradas con dous produtos típicos da época: as setas e as castañas.


Cando e onde?
O casco urbano urbano de Melide concentrará toda unha variada oferta culinaria en dúas fins de semana de novembro. Dous venres (15 e 22) e dous sábados (16 e 23) serán os días nos que os clientes poderán degustar as tapas en concurso. A diferenza do que ocorre noutras vilas con iniciativas semellantes, en Melide os petiscos seguen a servirse de xeito gratuíto e polo simple feito de realizar unha consumición. Serviranse en horario de 20:00 a 23:00 horas os venres e en horario de 13:00 a 15:00 polas mañás e de 20:00 a 23:00 polas tardes os sábados.


Moito que probar
Este ano, con 18 establecementos implicados, a ruta de tapas bate un récord de participación no que á edición de outono se refire. “Nunca antes se inscribiran tantos bares”, sinala a presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, “é unha cifra moi elevada para unha vila pequena como Melide e dá idea da aceptación que ten esta ruta tanto por parte dos negocios como dos clientes”. Tamén este ano participan varios locais por primeira vez. Xunto con outros que xa son un clásico desta ruta das setas e das castañas, elaborarán pratos para todos os gustos e nos que aos dous ingredientes básicos se incorporan outros como fabas, bacallau, pasta, coello, raxo, ou froitas tropicais. Deste xeito conséguense pratos “innovadores e orixinais na presentación e no sabor que sitúan Melide na vangarda da cociña”, destaca Sonia Valiño.

Tapas con premio
As persoas que se animen a participar no Outono de Tapas non só quedarán cun bo sabor de boca senón que tamén terán a posibilidade de facerse con interesantes premios. Só polo feito de probar e puntuar os pratos, entrarán no sorteo dunha sesión no circuíto termal do Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei. As papeletas de votación seranlles entregadas nos propios establecementos e poderán valorar, nunha escala do 1 ao 5, a calidade do manxar nas categorías de “Mellor tapa” e “Tapa innovadora”.

Ademais haberá un premio especial para os clientes que proben polo menos o 50% das tapas en concurso. Trátase dunha noite para dúas persoas con cea e almorzo incluído no pazo de Eidián (Agolada), onde terán ademais dereito a utilizar todas as instalacións e servizos deste hotel rural.


ASETEM -CCA

 info@asetem.com

ESTABLECEMENTOS E TAPAS PARTICIPANTES NA RUTA DAS SETAS E DAS CASTAÑAS
A Boa viña / A Boa Vida – Raxo con patacas e champiñóns

A Fábrica do Camiño – Coello do monte con setas

A Fundación – Tortellini de cogomelos con crema de castañas

Pulpería Alongos 2 – Castañas ao champiñón

Bar Cantón – Faballóns con níscalos e gambas

Cafetería Breogán – Revolto de xamón e champiñóns

Cafetería Arraigos – Arroz con champiñóns

Casa Estilo – Bocata de outono

Restaurante Novo Continente - Torrada de níscalos con piña en tempura

Cervexería Godiva – Champiñóns con xamón

Bar Novo Valente - Caldeireta de bacallau con setas

O de Peque – Guiso de setas e castañas

O Sapo Lambón – Delicias do Sapo Lambón

Cafetería Cire – Crema de castañas con champiñóns

Pousada Chiquitín – Tosta outonal

Pensión Xaneiro – X 5

Xamonería Os Garceiras – Outono nos Garceiras

Cafetería Stop – Caldo de verduras e castañas

No hay comentarios:

Publicar un comentario